Presentación

AnuncioP2012_gl.pdf

Durante os meses de marzo dos anos 2003, 2006 e 2009 tiveron lugar na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto, o 1er, 2º e 3er Congresos de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios - PATORREB - que reuniron máis de 600 participantes entre profesores, investigadores, estudantes, construtores, proxectistas, enxeneiros e outros profesionais.

Constatado o éxito e interese espertado polas anteriores convocatorias, e continuando a liña de impulso á divulgación e sistematización do coñecemento destes temas, nace o 4º Congreso de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios - PATORREB 2012.

Buscando unha progresiva internacionalización, trasládase á cidade de Santiago de Compostela, afianzando e enriquecendo o intercambio técnico-científico entre España, Portugal e América latina. A organización é conxunta entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto (FEUP.UP), a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e a Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia.

O punto de partida será unha reflexión sobre a patoloxía da construción e os seus múltiples ámbitos específicos, e como se combinan estes coa rehabilitación arquitectónica. Amplíanse os temas presentados en edicións anteriores e introdúcense novos puntos de vista, ofrecendo un perfil máis aberto do congreso para a participación de diferentes profesionais vinculados ao mundo da edificación e o urbanismo (arquitectos, enxeñeiros, etc).

Entendemos que a rehabilitación non ha de referirse só ó patrimonio monumental, senón que tamén debe abranguer todo o conxunto de patrimonio edificado, facendo fincapé naqueles edificios que necesitan adaptar as súas condicións de uso e habitabilidade aos requirimentos e esixencias actuais. Todas estas cuestións enfocaranse coa mirada posta nos últimos avances da investigación e a execución, mediante propostas que traten as estratexias para a rehabilitación, as metodoloxías de diagnose, ditame e proxecto, a adecuación á normativa vixente, a recuperación de espazos públicos e as súas infraestructuras, a adaptación enerxética, o reforzo de estruturas, a eficiencia das instalacións, as técnicas de reparación, así como a análise de casos concretos de proxectos e obras rehabilitadas.

A comisión organizadora convida todos os interesados a participar PATORREB 2012:

Presidente. D. Celestino García Braña
Prof. Joaquín Fernández Madrid | Arq. Ángel Panero Pardo | Arq. Eduardo Alonso Lois
Prof. Vasco Peixoto de Freitas | Prof. César Díaz Gómez | Arq. Ricardo Valencia Hentschel